Tuesday 21 de May de 2024

Aprobadas polo pleno as modificacións das ordenanzas reguladdoras do Programa de Conciliación Harmoniza


Mantéñense as bonificacións de ata o 50 % nas tarifas xerais de acordo a circunstancias socio-familiares e económicas.

Na sesión extraordinaria do Pleno celebrada hoxe acordouse aprobar por unanimidade dos tres grupos municipais a modificación da ordenanza reguladora do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha para actualizala, reorganizala e adecuala aos servizos que desde o Concello se ofertan ás familias larachesas.

O cambio no texto permitirá incluír nunha única normativa os tres servizos de conciliación: Madruga, Vacacións e Canguraxe, todos eles dirixidos a responder as necesidades dos cidadáns derivadas das dificultades que poidan presentarse para compatibilizar os horarios laborais cos escolares ao longo de todo o ano. Isto suporá unha máis óptima estruturación dos regulamentos e a simplificación dos trámites administrativos tanto para o persoal municipal como para as persoas beneficiarias do programa.

Tamén se aprobou, neste caso coa abstención do grupo municipal do BNG e o voto contrario dos dous edís do PSOE, o establecemento dos prezos públicos de ditos servizos. Manteranse as baremacións para que os usuarios poidan ter dereito a reducións de ata o 50 % nas cotas xerais. No que atinxe á situación socio-familiar, terase en conta que as persoas beneficiarias sexan mulleres vítimas da violencia de xénero, familias monoparentais, familias numerosas, familias con dous ou máis nenos usuarios do servizo e calquera outra situación susceptible de valoración. En canto á situación económica da familia, terán maior puntuación as que presenten un menor nivel de ingresos.

O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que o Concello asume máis do 50 % do custe real dos servizos e ofreceu como dato económico que o Programa Harmoniza, só durante o pasado verán, supuxo un custe para as arcas municipais de 34.000 euros. O rexedor municipal considera que “debemos ser sensatos á hora de prestar servizos”, concluíndo que “hai que establecer bonificacións para as familias máis vulnerables, pero aquelas que teñen posibilidades deben aportar máis”.

Cabe lembrar que Madruga se oferta a nenos de entre 3 e 12 anos de idade durante o curso escolar nos tres colexios do municipio desde as 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino. Inclúe a acollida, coidado, vixilancia, organización de actividades lúdicas e educativas e, a modo opcional, o almorzo. Vacacións ofrece eses mesmos servizos -centralizados no CEIP Otero Pedrayo- no verán, Semana Santa, Nadal e Entroido. E Canguraxe consiste nun conxunto de tarefas de coidados básicos e atención a prestar nos domicilios de familias con nenos de entre 4 meses e 12 anos de idade cando as necesidades de conciliación non poidan ser satisfeitas ou non sexan compatibles cos outros servizos de conciliación dispoñibles.

Tralos acordos plenarios de hoxe, as normativas estarán un mes en exposición pública antes da súa entrada en vigor.